Sunday 05 de May de 2024

Eventos co gallo do entroido en San Sadurniño


Estamos na época máis irreverente do ano. Tempo de frío e cocidos no que as máscaras son as raíñas. O entroido é unha festa de fonda raigame cultural que en San Sadurniño aínda se segue mantendo a través da programación do centro de ensino, das entidades veciñais e da área de Cultura.

Domingo 26 de febreiro, Xardíns municipais: Mercado local do entroido
Coincidindo co domingo de entroido celébrase un dos mercados máis concorridos do ano, no que atopar a bo prezo artigos de segunda man, artesanía e, sobre todo, produtos da terra frescos e elaborados propios destas datas. O mercado arrancará pouco despois das 9.00h. e prolongarase ata aproximadamente as 15.00h. Nesta ocasión contará coa animación da agrupación O Aturuxo de Melpómene, cun espectáculo de rúa no que se xuntan o teatro, a música e o humor. Percorrerán os sendeiros do mercado a partir das 12.00h.

Domingo 26 de febreiro, Ximnasio do CPI: Festa infantil de disfraces
O ximnasio do centro escolar acollerá un encontro dedicado aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no que gozarán de obradoiros, hinchables, música e unha chea de actividades de animación durante dúas horas e media.

A festa, animada por La GuaGua comezará ás 17.00h. e prolongarase ata as 19.30.

Mércores 1 de marzo, Casa da Cultura: Obradoiro de confección dunha máscara de peliqueiro
Na mañá do mércores de cinza desenvolverase un obradoiro para construír a carauta dun peliqueiro. Explicarase a historia destes personaxes propios do entroido da vila ourensá de Laza e despois os nenos e nenas aprenderán a facer unha mitra -a parte superior da máscara- con cartón e pinturas rechamantes. Logo pintarán as carautas e, para rematar, música e baile.

Trátase dunha proposta cultural e de conciliación que se desenvolverá na Casa da Cultura. Vai dirixida a rapazada a partir de 5 anos e ofértanse 15 prazas. As inscricións -gratuítas- hai que facelas na propia Casa da Cultura ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal

Sábado 4 de febreiro, Local social de Naraío: Entroido 2017 da A.VV. O Castelo de Narahío
A Asociación veciñal “O Castelo de Narahío” volve organizar o seu tradicional entroido con dúas partes ben diferenzadas: unha de tarde pensada para os nenos e nenas -e tamén para papás e mamás- e outra pola noite para persoas adultas.

Así, a sesión infantil-familiar estará animada por La Guagua, mentres que pola noite tomará o relevo o coñecido showman, cantante e picadiscos Dani Ríos. A el tocaralle mover as máscaras nun espectáculo que sae do convencional baile de entroido. Ademais tamén haberá desfile de disfraces con premios para os mellores e o sorteo dunha cesta con produtos típicos desta época.

18.00h. Festa familiar de disfraces con La GuaGua
23.00h. Baile de entroido animado por Dani Ríos